Actualidade
O Arquivo de Galicia publica a memoria de xestión do ano 2012.
Consulte no sitio web do Arquivo de Galicia (Servizos/Descargas) a memoria de actividades correspondente ao ano 2012. Ofrecemos a continuación un breve resumo das actividades desenvolvidas no capítulo de “Recepción de fondos documentais”. Nas próximas semanas , achegaranse outros aspectos do traballo do Arquivo durante o pasado ano.
Recepción de fondo documentais:
Recibíronse por transferencia 7.663 unidades de instalación, das que 756 son películas.
Unha parte ingresou no depósito que o Arquivo ten no polígono santiagués do Tambre (2.443); outra (5.220), no edificio da Cidade da Cultura de Galicia (Gaiás).
Entre os documentos recibidos, cómpre destacar os procedentes da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) (subvencións á produción audiovisual); da Consellería de Economía e Industria (expedientes de estacións de servizo de combustibles de toda Galicia con datas entre 1927 e 1996) ou do Servizo Galego de Saúde (fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo, con datas entre 1885 e 1971).
O Arquivo do Reino de Galicia recibe documentos da Xefatura Comarcal/Local da Falanxe Tradicionalista e das JONS de Ortigueira
O fondo foi depositado no Arquivo do Reino de Galicia pola viúva do último secretario da referida institución, D. Vicente Rogelio Escudero González, e estase a tramitar a formalización da doazón á Xunta de Galicia.
O fondo documental, composto por un total de 12 unidades de instalación, comprende fundamentalmente certificacións de boa conduta e pertenza ao Movemento, expedientes persoais, expedientes informativos e correspondencia da institución dende 1936 a 1972.
Presentación do libro En cadea sen prijon: cancioneiro de Afonso Paez. Poesía galega postrobadoresca (1380-1430ca.)
Martes, 30 de abril, ás 12:00 h., presentación do libro En cadea sen prijon: cancioneiro de Afonso Paez. Poesía galega postrobadoresca (1380-1430ca.), no salón de graos da Facultade de Filoloxía (Avda. Castelao s/n.) de Santiago de Compostela.
Descubriron estes poemas arquiveiros do Arquivo de Galicia e do Arquivo Histórico Provincial de Lugo en xaneiro de 2010 nun arquivo familiar lucense, asociados a un caderno de notas do escribán ferrolán Lopo García de Toar dos anos 1433 e 1434.
O profesor Henrique Monteagudo, que é o autor da transcrición, edición e estudo destes poemas, explica así a transcendencia deste achado para a cultura galega:
“No presente volume ofrecemos un pequeno mangado de poemas, non máis de vinte e tres, que, na súa modestia, supoñen unha extraordinaria revelación que deita un raio de luz nun recanto ata agora descoñecido da traxectoria cultivada do noso idioma.
(...)
