Sobre o arquivo

Sobre o arquivo

O Arquivo de Galicia

Custodia os documentos producidos pola Xunta de Galicia e os órganos e entidades dela dependentes desde a súa creación (1982), así como outros de calquera procedencia que, polo seu ámbito e interese, se lle poidan asignar. É cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia, por iso simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade. Este patrimonio comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase, entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade, diversidade, invisibilidade e dispersión.

Depende organicamente da  Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e foi inaugurado en xaneiro de 2011.

Ten a súa sede na Cidade da Cultura de Galicia, situada no monte Gaiás de Santiago de Compostela.

 

O edificio

O Arquivo ocupa o edificio do extremo leste do complexo que compón a Cidade de Cultura de Galicia, proxectada polo arquitecto americano Peter Eisenman. O conxunto articúlase a través dunha trama de rúas, soportais, xardíns e prazas inspirada no casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1985.

Sobre o arquivo

Funcións

O Arquivo de Galicia exerce as funcións de centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia e arquivo intermedio e histórico do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia, e como tal o deber de conservar, difundir e acrecentar o patrimonio documental de Galicia.

En concreto correspóndenlle as seguintes:

  1. Recibir os documentos procedentes dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades públicas dependentes dela cun ámbito territorial superior a unha provincia.
  2. Recibir os documentos procedentes de organismos, institucións e entidades públicas de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade, e calquera outro fondo de carácter público ou privado de interese xeral para a comunidade autónoma que se acorde depositar nel.
  3. Programar, coordinar e dirixir a identificación, valoración e selección documental de todos os arquivos do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia.
  4. Organizar e describir os fondos documentais que custodie.
  5. Conservar os fondos documentais que custodie.
  6. Coordinar os programas de reprodución con fins de conservación de fondos do patrimonio documental de Galicia.
  7. Facilitar o acceso aos documentos que custodie e á información contida neles nos termos que establece a lexislación.
  8. Difundir por calquera medio os fondos documentais que custodie e, en xeral, o patrimonio documental de Galicia.
  9. Establecer e desenvolver normas técnicas arquivísticas para o Sistema de Arquivos de Galicia.

En xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia.